QUE É UNHA COOPERATIVA DE ENSINO?

‘E unha asociación de mestres que, rexíndose pola normativa vixente, loitan por avanzar no seu proxecto de empresa (neste caso, o seu centro escolar) fomentando os valores do cooperativismo, do traballo en equipo,.. e tendo como obxectivo o desenvolvemento íntegro de cada un dos seus alumnos. A continuación explicámosvos como se formou a cooperativa CLAIMO, titular do Colexio Plurilingüe ALBORADA

HISTORIA

Nos anos 70 funcionaba en Candeán un colexio de bacharelato chamado Curros Enríquez. Unha vez desaparecido, nas súas instalacións estableceuse o Colexio Baby School, da man da súa propietaria Arlette Savignat, que se forneceu do alumnado e profesorado doutros tres colexios: Colexio Alemán e colexio Baby School, do centro de Vigo, e o colexio Marcem, de Candeán. Máis tarde tomou o nome de Colexio Monteblanco, ante unha nova normativa que prohibiu os nomes estranxeiros para os colexios en España. Neste Centro traballaron algunhas das profesoras que hoxe forman parte do Colexio Alborada.

No curso 79/80 as dificultades económicas son grandes, os/as profesores/as levaban varios meses sen cobrar o seu salario, e a Directora comunica o posible peche do centro. O profesorado iniciou unha loita para defender os postos de traballo e as prazas escolares, contando co apoio incondicional das familias e así xurdiu a idea de formar unha cooperativa. En numerosas reunións de pais/nais, profesores/as e co daquela Delegado Provincial de Educación, Aniceto Núñez, avaliouse a viabilidade do proxecto.
Estando xa a fin de curso comunicóuselle a todas as familias a incerteza na continuidade do centro, polo que se lles recomendou a busca de praza noutros centros para seus fillos/as, mentres nós tentabamos formar a cooperativa de ensino.

Algúns decidiron seguir connosco a pesar da falla de seguridade, outros volveron cando a cooperativa foi realidade. Así, no mes de xullo do ano 1980, fundouse a Sociedade Cooperativa de Ensino CLAIMO (nome coas iniciais dos socios promotores: Candelaria, Loli, Alberto, Alfonso, Isabel, as Marías Asuncións e Olga) aos que inmediatamente se incorporaron Milagros e Mª Carmen.

En setembro de 1980, curso escolar 80-81, reiniciamos a actividade docente para decidir máis tarde deseñar un novo uniforme, escudo e nome: COLEXIO ALBORADA. Dotámonos dun novo regulamento de funcionamento interno. Elaboramos o ideario do colexio e puxémonos mans á obra, con moito ánimo e pouco soldo, empezamos a grande tarefa de construír o colexio que é hoxe en día. Comezamos con moi poucos/as nenos/as (uns 40) pero a principios do curso xa recuperaramos case que 80.

O segundo ano de funcionamento foi clave: obtivemos a condición de CENTRO SUBVENCIONADO, e a partires dese intre a matrícula foi subindo ata encher as aulas. A axuda e confianza das familias foi vital: axuda e apoio desinteresado nos momentos máis difíciles, participación nas xuntanzas, nas xestións, confianza no noso traballo. Non sería posible citar aquí a todos/as os/as que participaron cóbado con cóbado connosco, seguro que esqueceriamos a alguén, e iso sería imperdoable.

Aquel traballo coas familias materializouse nas primeiras ANPAS, onde se participaba conxuntamente pais/nais e mestres/as. Todos a unha. Curso a curso o colexio foi medrando. Comezamos con dúas aulas de INFANTIL (4 e 5 anos) e unha para cada curso da EXB. Máis adiante puxemos en funcionamento a de EDUCACIÓN ESPECIAL, o GABINETE PSICOPEDAGÓXICO e profesorado extra de INGLÉS.

Pouco a pouco seguimos a medrar ata chegar á realidade actual: tres aulas de EDUCACIÓN INFANTIL (3, 4 e 5 anos), seis aulas de EDUCACIÓN PRIMARIA e catro aulas de EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA. Ademáis do Departamento de Orientación, da aula de Música, aula de Tecnoloxía, aula de Plástica, aula de Informática, obradoiros, aulas de Apoio, laboratorio, comedor, etc.

Dos OITO profesores e profesoras que empezamos o proxecto pasamos a ser hoxe VINTESEIS, e todos seguimos coa enerxía e a ilusión dos primeiros tempos.

As instalacións sufriron grandes cambios, desde a inauguración do Edificio Novo, en setembro de 1990, ata o día de hoxe reconvertimos, modificamos e fixemos numerosas obras de acondicionamento.

No curso 2005/06 celebramos o VINTECINCO aniversario moi orgullosos de seguir coa nosa labor educativa. Foi nese momento cando tamén empezamos a introducir as novas tecnoloxías na aula e así renovamos a aula de informática e incorporamos ao noso centro encerados dixitais, ordenadores portátiles, proxectores e equipamento wifi. Este uso das novas tecnoloxías vense aumentado coa creación da nosa propia plataforma de Google Apps for Education Albotic.

Respecto á potenciación das linguas estranxeiras, no curso 2007/08 organizamos a primeira viaxe ao estranxeiro a un país de fala inglesa para os alumnos de secundaria, actividade que seguimos realizando os cursos posteriores. Con estas viaxes damos a oportunidade de facer o primeiro contacto co inglés ou francés xa que sempre se elixen países que teñen algunha destas linguas como a materna (Londres, París, Bruxelas, Dublín, Edimburgo, etc.).

Cinco anos máis tarde (curso 2012/13) fixemos o noso primeiro intercambio cun colexio europeo cos estudantes de 3º ESO. O intercambio consiste non só na estancia dunha semana en cada un dos países participantes, senón tamén na realización dun proxecto común, normalmente na pltaforma pertencente á Comunidade Europea, eTwinning.

No curso 2014/15 empezamos a nosa andadura como centro plurilingüe impartindo as materia de educación física en inglés en 1º EP e 1º ESO, que se extenderá a outros cursos e materias en anos sucesivos.

O resultado final do traballo de máis de 40 anos é este COLEXIO ALBORADA que agora vos presentamos.